|
|
Eres o visitante n°: 61470 | | |
|
|
|
Entre o século XVI e XVII, os veciños de Pazos e Vilariño levantan unha pequena ermida, onde poder rezar e enterrar aos seus defuntos. O lugar elixido foi a medio camiño entre os dous pobos; un lugar deshabitado pero abofé que tería un nome, un lugar que dende a construción da ermida pasou a chamarse na honra ao Santo: San Pedro. Converténdose deste xeito, San Pedro Advíncula, no primeiro Patrón da Parroquia de Olás. |
A verba latina “ad víncula” significa “en cadeas, encadeado”. Por iso é que a figura do noso santo aparece cunhas cadeas rotas colgando da moneca esquerda, en lembranza das prisións que sufriu o apóstol en Xerusalén, durante o reinado do rei Herodes e tamén na cárcere de Mamertina de Roma, baixo o reinado de Nerón, antes do seu martirio, no ano 67 d.C. Aínda que tamén amosa a usual chave do santo na súa man dereita.
|
A finais do século XIX, pola influencia dos “señores” do Pazo de Vilariño (Dª Rita Alonso Cuevillas e Dº Enrique Araujo), a ermida foi levada A Barreira (Vilariño) e as sepulturas trasladadas ao sagrario da igrexa de Santa María en Olás.
|
Dende 1.990 os veciños levan loitando para devolver a ermida ao seu lugar de orixe. |
|
|
|
|
|
|
”Retablo cas dúas tallas de San Pedro (a orixinal Barroca e a do Século XX)” |
|
Unha Irmandade formada por veciños de ámbolos dous pobos, xestionaban, durante os séculos XVIII e XIX, as honras e o folión ó Santo. Trala celebración da misa na capela, os veciños levaban o folión ata a cima do Monte do Castro, o compás que impuñan a gaita, o bombo e mailo tamboril. Xa na cima do monte, prendíase lume os fachóns espetados nos buracos dos grandes penedos, arredor da chaira que ten á cima, indicando así o comezo do folión a todos os pobos da contorna. Os foguetes, o baile, a comida, a bebida e a troula prolongábanse ata media noite. |
Como a maioría dos veciños da Parroquia de Olás, tiveron que sufrir as miserias da época que lles tocou vivir, e víronse na obriga de facer as campañas da “sega en Castela”, non podendo celebrar así o seu Patrón pola súa ausencia, decidiron pospoñelo ata a volta dos “segadores”. Deste xeito, empezouse a celebrar no derradeiro fin de semana do mes de Agosto, cando xa estaban todas as familias reunidas e cuns cartiños no peto para a dobre celebración: a do santo patrón e a da súa volta. Esta tradición mantense ata os días de hoxe, e aínda que agora o San Pedro xa non agarda polos “Segadores de Castela”, si o fai, por aqueles outros emigrantes posteriores, que tamén se viron na obriga de buscarse a vida lonxe do seu pobo, e aproveitando as vacacións de Agosto, volven a terriña dos seus pais ou abos.
|
Agora a procesión do Santo lévase ata o lugar de O Curro, en Vilariño, a escasos 300 metros, e a festa faise as portas da Capela, na Praza da Barreira, tamén en Vilariño. Aínda que a Asociación de Veciños, esta vendo a posibilidade de recuperar o tradicional folión do século XVIII, e levalo de novo ata a cima do Monte do Castro. |
|
|
|
”Procesión de San Pedro, dende a Capela da Barreira, ata o Curro (Vilariño)” |
|
|
|
|