A Igrexa de Santa María de Olás foi construída no século XVI, na ladeira Este do Monte de O Castro, á veira do camiño actual que vai dende Olás ata o Xen, probablemente polos veciños destes dous pobos. Os fortes ventos daqueles invernos, provocaban derribes constantes na súa estrutura, ata o punto de chegar a derrubala case que na súa totalidade. Deste xeito acordouse trocar a súa ubicación para un lugar máis agarimoso, trasladándose así ao lugar de Olás, onde hoxe se atopa.
Aínda que se descoñece a data do traslado, sabemos que no século XVII a igrexa xa se atopa onde está na actualidade, e que a vocación era á Nosa Sra. da Asunción. Aínda que esta mudou no século XVIII, cando se incorporou o Retablo Maior de madeira (1.735, obra Barroca de Xosé González), coas imaxes de San Ramón e a do Cristo na Cruz. En 1.773 mércanse os dous retablos de madeira para os colaterais da Igrexa. E xa no século XIX (en 1.813) sendo párroco Don José Muíños faise a actual fachada principal, por mor de derrube da vella.
Unha vez máis, a vocación dos feligreses de Santa María volveu trocar no século XX, tralo influxo que chegaba dende Portugal sobre a Virxe de Fátima. Consuelo Ferreiro (dos “Pulidos” de Olás), emigrante en Bos Aires e devota desta Virxe, aproveita as súas vacacións en Galicia no ano 1948 para doar a imaxe da Virxe de Fátima á Igrexa, pasando a formar parte do Altar Maior. Esta imaxe foi traída ó lombo dos feligreses dende Pontefechas ata Olás, con parada no comunal de Pazos (actual Praza de San Xoán) para a súa bendición polo bispo e curas da volta. Dende aquela ata os nosos días, a Virxe de Fátima é patroa da Igrexa de Santa María de Olás, celebrándose a súa festividade cada 13 de Maio.
”Saída en procesión ca Virxe polo pobo de Olás e Pendón da Virxe de Fátima.”
”A Parroquia de Olás de Vilariño en festas (2007).”